Trasladado un home con síntomas de intoxicación tras un incendio nun piso da Coruña

Imaxe dun lume nunha cociña_Pixabay

  • Un descoido durante a preparación da comida foi a orixe do lume nun piso da rúa Sargento Veiga

Un home precisou asistencia sanitaria este martes ao presentar síntomas de intoxicación por inhalación de fume despois de declararse un incendio na cociña dun piso na Coruña.

Os feitos sucederon na Rúa de Sargento Veiga, preto das 14:25 horas. Foi unha persoa particular quen contactou co 112 Galicia para alertar do suceso.

Segundo se lle indicou ao 112 Galicia, o varón estaba preparando a comida e o lume, que deixou unha pota calcinada, propagouse por un descoido. Foi atendido nun primeiro momento na vivenda e, posteriormente, trasladado nunha ambulancia ao Hospital Modelo.

No operativo participaron os Bombeiros da Coruña, axentes da Policía Local, membros de Urxencias Sanitarias de Galicia-061 e tamén da Agrupación de Voluntarios de Protección Civil da cidade.

Os servizos de emerxencia remataron as labores de extinción do lume ao fío das 15:25 horas.