Trasladan a unha persoa por inhalación de fume tras un incendio na súa vivenda na Laracha

Bombeiros de Bergantiños nunha actuación_Arquivo.

O 112 Galicia tivo constancia do suceso, ao fío das 13:00 horas do mediodía deste martes, por medio dun particular que indicaba aos xestores de emerxencias que lle ardía a cociña e que tragara fume. Tratábase do propietario da vivenda, que foi evacuado en ambulancia polos servizos sanitarios, que o trasladaron ao Centro de Saúde da localidade, tras inhalar fume mentres trataba de extinguir o lume.

O 112 Galicia avisou de inmediato ao Servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, aos Bombeiros de Bergantiños, á Policía Local e aos efectivos da Agrupación de Voluntarios de Protección Civil da localidade. No incendio cuxa orixe tivo lugar na cociña da vivenda, situada na Rúa Urbano Lugris da Laracha, arderon a campá extractora e os mobles superiores.

Ata o lugar, desprazáronse decontado os Bombeiros de Bergantiños, que nada máis chegar, confirmaron ao 112 Galicia que o lume xa fora extinguido polo mesmo dono da casa, polo que, procederon a ventilar. Toda a vivenda resultara moi afectada polo fume e monóxido provocados polas chamas.

Ademais, segundo indicaron os Bombeiros, outra persoa, que identificaron como o fillo do propietario, tamén resultou afectada polo fume e, aínda que non precisou ser trasladada, si acudiría polos seus propios medios ata o centro sanitario para ser tratada.