O accidente máis grave na rede provincial coruñesa produciuse ás 9 da noite deste xoves á altura do quilómetro 41 da estrada N-550 ao seu paso por Ordes. Tratouse dunha colisión frontal entre dous turismos, un Volkswagen Golf e un Opel Corsa. Dada a violencia do impacto os turismos incendiáronse, falecendo no lugar o único ocupante do Golf, un veciño de Ordes de 38 anos, e ferida grave a única ocupante do Corsa, unha veciña de Ordes de 20 anos que foi trasladada ao hospital Clínico de Santiago de Compostela. O equipo de Atestados do Subsector de Tráfico da Coruña instrúe dilixencias para tratar de pescudar o ocorrido.
Accidente en Carballo
Dúas persoas resultaron feridas pouco antes das 10 da noite deste xoves nun choque entre dous turismos na estrada DP-1914, que une Carballo e Portomouro. O sinistro ocorreu nun tramo «negro» de alta concentración de accidentes, entre as parroquias carballesas de Ardaña e Rus, unha persoa tivo que ser extraída do interior dun dos turismos polos Bombeiros de Carballo. Pouco antes outro accidente en Carballo saldábase con cuantiosos danos materiais. Ao peche desta edición a Garda Civil continuaba traballando nos correspondentes atestados en aras do esclarecemento dos feitos.
