O delegado da Xunta, Gonzalo Trenor, acompañado polo alcalde de Cabana de Bergantiños, José Muiño, visitou o albergue de Cabana de Bergantiños que acollerá de novo un campamento de verán dentro da programación da Campaña de Verán da Xunta de Galicia. Este campamento ofertará ao longo do verán 40 prazas baixo o lema Aventuras na praia e natureza.
Trenor indicou que o Goberno galego está a ultimar os preparativos necesarios para que a mocidade desfrute do verán e lembrou que o prazo para solicitar os campamentos remata o 2 de maio.
Por outra banda, as bases que regulan a oferta de prazas nos campos de voluntariado poden consultarse na páxina web de Xuventude.
A campaña de verán deste ano ten como lema ‘O verán que sempre vas lembrar’ e contará cun total de 11.200 prazas para mozas e mozos entre os 9 e os 30 anos de idade en campamentos, campos de voluntariado (en Galicia, noutras Comunidades Autónomas e no estranxeiro), minicampamentos e outras propostas. En total, a Xunta pon a disposición da xente nova 36 instalacións para o desenvolvemento dos campamentos e 46 campos de voluntariado, incluídas as cinco quendas das Cíes.
Trenor informou que no caso da provincia da Coruña a oferta de prazas é de 3.479, no caso dos campamentos nos concellos de Sada, Bergondo, Melide, Porto do Son, Boiro, Vilsantar, Sobrado dos Monxes, Ponteceso, Cabana de Bergantiños e Santiago. Os campos de voluntariado están previstos en Boiro, Serra de Outes, Mesía, Vedra-Boqueixón, A Laracha, Rois, Ribeira, Coirós, Vilasantar, As Pontes, Boimorto, Ponteceso e Santa Comba.
Entre as novidades do programa destaca un novo campo de voluntariado en Santa Comba, . Ademais, recupéranse os intercambios con Madrid e Cantabria e se pon en marcha un novo en Castela-A Mancha.
As solicitudes para os campamentos e os campos de voluntariado presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos, ben a través da sede electrónica da Xunta de Galicia para o caso dos campamentos, ou ben mediante formulario en liña na páxina de Xuventude no segundo caso.
A programación estival complétase coa proposta ‘Coñece Galicia’ en establecementos turísticos da Comunidade Autónoma, que se dará a coñecer en vindeiras datas.