O delegado da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, visitou a gandería Sat Cives, en Mazaricos, para animar aos representantes do sector agrario a solicitar as axudas da Consellería do Medio Rural para apoiar os investimentos nas explotacións agrícolas, para a creación de empresas de agricultores mozos e para o desenvolvemento de pequenas explotacións.
Os interesados teñen ata o vindeiro 27 de marzo para presentar as solicitudes para estas achegas, que contan cun orzamento de 38,8 millóns de euros, despois de que se levase a cabo unha ampliación do prazo para solicitar estas axudas. O responsable do Goberno galego lembrou que o ano pasado recibiron estes apoios 36 explotacións e particulares da comarca do Barbanza por un importe de máis de 1,6 millóns de euros.
Estas axudas teñen como obxectivo garantir a continuidade do tecido agrario, así como incrementar a competitividade das explotacións mediante a súa modernización. Trátase dunha das ordes máis destacadas da Consellería, tanto polo seu importe como polo número de beneficiarios. Ademais, cabe indicar que a liña de incorporación de mozos está integramente financiada co Instrumento de Recuperación da Unión Europea (EURI), mentres que as outras dúas liñas están cofinanciadas polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader).