Trenor animou en Fisterra a solicitar as axudas para mellorar establecementos turísticos

1 minutes read

O delegado da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, visitou o hotel Cabo Sport de Fisterra, uno dos negocios beneficiados pola orde de axudas para financiar melloras nos establecementos turísticos de aloxamento e restauración do ano pasado. Na visita animou aos representantes do sector turístico da comarca de Bergantiños-Costa da Morte a volver a solicitar estas axudas este ano, dado que xa se publicou a nova convocatoria que contará con 2 millóns de euros.
Ao abeiro destas axudas, o ano pasado beneficiáronse un restaurante de Carballo e dous de Fisterra con axudas de máis de 45.000 euros e un hotel de Carballo, dous de Cee, dous de Fisterra, dous de Laxe e un de Muxía con apoios que superaron en total os 98.000 euros.
Estas axudas permitirán renovar e modernizar as instalacións dos establecementos turísticos de aloxamento -locais hoteleiros, campamentos de turismo, casas de turismo rural, apartamentos e albergues turísticos- e negocios de restauración co obxectivo de consolidar unha oferta turística de calidade e competitiva.
A resolución recolle un importe máximo por solicitude de ata 50.000 euros que se pode destinar a actuacións como accións para mellorar a accesibilidade e a supresión de barreiras arquitectónicas, obras nas instalacións para obter certificacións de calidade como a Q de calidade turística ou para que o establecemento suba de categoría, a renovación e a modernización do local xunto co embelecemento da contorna, a adquisición de equipamentos mobles necesarios para o seu funcionamento, medidas de aforro enerxético con actuacións na climatización ou nos sistema de extracción e renovación de aire, avances na dixitalización dos sistemas de comercialización e a adaptación dos sistemas de seguridade e saúde na prestación de servizos.