O delegado da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, anunciou a licitación dunha nova actuación no CEIP Mar de Fóra de Fisterra de case un millón de euros, o que eleva o investimento comprometido pola Xunta de Galicia na comarca de Bergantiños-Costa da Morte a máis de 4,7M€ entre grandes obras, obras menores e a instalación de placas fotovoltaicas.
A finalidade do novo proxecto é, por unha banda, levar a cabo unha ampliación para contar cun espazo destinado a ximnasio. Para iso, proxéctase unha edificación en planta baixa, exenta do edificio principal, conectada ao edificio principal mediante unha pasarela cuberta que se conectará co soportal. A nova edificación dispoñerá dunha volumetría comedida e duns materiais acordes coa contorna. Neste sentido, a cuberta integrarase coas cubertas actuais do centro e da contorna construída, en tella vermella, mediante un panel sándwich.
A actuación tamén contempla no edificio principal a reforma dos vestiarios situados na planta baixa. Para iso, sumarase á superficie dos vestiarios existentes o espazo ocupado polo almacén e o AMPA, practicamente en desuso.
Ademais, levarase a cabo a substitución das carpinterías exteriores, a substitución da cuberta de policarbonato dos soportais, a construción dunha rampla accesible que conecte os dous niveis da parcela e a substitución do peche de parcela que dá á rúa Alcalde Fernández. O prazo de execución das obras é de nove meses.
Trenor sinalou que, con esta nova ampliación, o seu departamento está a atender as necesidades educativas deste concello, e dando unha solución ao incremento de demanda rexistrada nos últimos anos neste centro escolar.