Trenor e o alcalde de Coristanco visitaron unha gandería beneficiaria da liña de axudas agrarias

1 minutes read

O delegado da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, e o alcalde de Coristanco, Juan Carlos García, visitaron a gandería Pose, beneficiada nos últimos tres anos pola liña de axudas destinadas a plans de mellora nas explotacións agrarias, o que lle permitiu renovar o seu motor de muxido, o tanque de frío e a cubrición dunha fosa de purín.

Trenor lembrou que na última convocatoria do ano 2020 da orde destinada a plans de mellora nas explotacións agrarias, á creación de empresas por parte de agricultores mozos e ao desenvolvemento de pequenas explotacións concedéronse na comarca de Bergantiños-Costa da Morte 85 axudas por un importe que roldou os 4 millóns de euros. Concretamente, para a incorporación de mozos á actividade agraria concedéronse 20 subvencións por un importe de case 750.000 euros, para investimentos en explotacións agrarias, 57 axudas por un importe de máis de 3 millóns de euros e para o desenvolvemento de pequenas explotacións agrarias 8 apoios por un importe de 120.000 euros.