Trenor visitou en Carballo un dos negocios beneficiados das axudas á innovación e á dixitalización

1 minutes read
Gonzalo Trenor, Rubén Lorenzo e Ricardo Pallas, en Deportes San Remo. Foto: Moncho Fuentes.

O delegado da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, acompañado do deputado carballés, Rubén Lorenzo, visitou este luns en Carballo o establecemento Deportes San Remo, un dos 16 comercios e artesáns beneficiarios das axudas por máis de 130.000 euros que vén de conceder a Xunta na área de Bergantiños-Costa da Morte para o impulso á innovación, a dixitalización e as novas fórmulas de comercialización.

Trenor destacou que “a través deste programa impúlsase a adaptación ao actual contexto económico e aos novos hábitos dos consumidores, apoiando o comercio de proximidade para que mellore e incremente os servizos que se prestan á clientela a través de diferentes canles, con axudas para páxinas web comerciais, ferramentas de márketing 4.0, mellora da imaxe dixital, xestión de redes sociais e implantación de ferramentas de xestión”.

Os beneficiarios destas axudas na Costa da Morte foron 3 en Malpica, 10 en Carballo, 1 na Laracha, 1 en Zas e 1 en Vimianzo.

Centro Comercial Aberto

Durante a visita Trenor lembrou que a Xunta apoiou o ano pasado ao Centro Comercial Aberto de Carballo cunha achega de 33.000 euros . Estas achegas destínanse a proxectos que inclúan iniciativas de dinamización comercial, sistemas de fidelización, sinalización externa ou mellora da competitividade comercial, entre outros.