Tres adultos e tres nenos evacuados por un incendio nunha vivenda de Baralla

1 minutes read

Os servizos de emerxencias atallaron as chamas dun incendio declarado nunha vivenda situada no concello lugués de Baralla. Segundo a información facilitada polos servizos sanitarios ao 112 Galicia un total de seis persoas, tres adultos e tres nenos, foron evacuados por inhalación e queimaduras ao Hospital Universitario Lucus Augusti.

Todo comezou cando o 112 Galicia recibiu a chamada de alerta dunha persoa particular. Indicaba que un lume consumía por completo unha vivenda situada na parroquia de Penarrubia, concretamente no lugar da Revolta.

Axiña, desde o Centro Integrado de Atención ás Emerxencias de Galicia púxose a situación en coñecemento do servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, dos Bombeiros de Sarria, dos membros do GES de Becerreá e de Baralla. Compre sinalar que este operativo tamén contou coa colaboración dos axentes da Garda Civil, que foron informados polos xestores de Emerxencias 112 Galicia.