Tres candidaturas galegas optan como finalistas aos XV Premios Nacionais de Artesanía convocados polo Ministerio de Industria, Comercio e Turismo. O obradoiro de torneado de madeira Vikensen (Tomiño) e mais o obradoiro de Santiago Besteiro (Monterroso), especializado no coiro, competirán na categoría Emprendemento, mentres que a Fundación Artesanía de Galicia –dependente da Vicepresidencia primeira e Consellería de Economia, Industria e Innovación da Xunta de Galicia– opta ao Premio Promociona para Entidades Públicas polo Corazón da Artesanía. Encontro da Artesanía Tradicional e Popular de Galicia, que se celebra cada mes de xullo nos Pendellos de Agolada desde o ano 2012.
Os Premios Nacionais de Artesanía están convocados anualmente a través da Escola de Organización Industrial (EOI) e da súa cátedra de promoción da artesanía Fundesarte, a organización de referencia na promoción e no desenvolvemento das empresas artesás españolas. O seu obxectivo é contribuír ao desenvolvemento e competitividade das pemes do sector artesán, así como incentivar a innovación, o deseño e a súa capacidade de adaptación ao mercado. Ao mesmo tempo, prémiase ás institucións e empresas que contribuíran de xeito significativo a impulsar o traballo artesán.
Os Premios constan de 5 categorías, tres delas para proxectos de artesáns –Premio Nacional de Artesanía, Premio Produto e Premio Emprendemento– e dúas que recoñecen o labor de promoción por parte de entidades públicas e privadas.