Tres candidaturas galegas optan como finalistas aos Premios Nacionais de Artesanía 2020


O obradoiro RiR & Co Diseño Textil Artesano, situado no casco histórico de Allariz, opta ao Premio ao Emprendemento. Neste espazo, a artesá Inés Rodríguez realiza deseños dirixidos a un público global unindo os coñecementos das técnicas téxtiles tradicionais coas tendencias actuais do mercado e traballa tanto con materiais naturais como con outros máis novidosos como é a fibra óptica. Este obradoiro realiza colaboracións con sectores que van desde a moda ata a gastronomía ou a arquitectura. Rir&Co comparte a súa experiencia a través de asesoramentos para outras empresas, investigación baseada en novos materiais e produtos de deseño. Cómpre destacar que esta artesá vén de recoller esta mesma semana o 2º Premio de Excelencia á Innovación na diversificación da actividade económica do medio rural ou zonas costeiras rurais que outorga o Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación.

Na mesma categoría compite o artesán Santiago Besteiro, dedicado ao deseño, desenvolvemento e elaboración de pezas artesás de alta calidade en coiro, desde o seu obradoiro situado en Monterroso. Constituído como unha empresa unipersoal, crea unha estratexia de mercado para apostar por competir coa calidade, co deseño, coa innovación, co trato distinguido co cliente e coa concienciación medioambiental. Actualmente a empresa atópase inmersa nunha investigación para novos produtos que se adapten ás circunstancias, así como novas canles para explorar a internacionalización.

A Fundación Artesanía de Galicia volve quedar finalista do Premio Promociona para Entidades Públicas co seu proxecto Artesanía no Prato, polo que xa resultara finalista na edición do ano pasado. A iniciativa púxose en marcha no ano 2013 e está dedicada a xerar unha interrelación entre Artesanía de Galicia e a cociña galega máis vangardista, de xeito que os chefs máis destacados se convertan en abandeirados e promotores da marca.

O proxecto foi unha iniciativa que comezou na segunda edición do Corazón da Artesanía. Encontro da Artesanía Tradicional e Popular de Galicia, que se celebra en Agolada, a grazas á colaboración de cociñeiros do Grupo Nove que comezaron a empregar pezas da marca nos seus showcookings. No ano 2017, a Fundación Artesanía de Galicia fortaleceu a súa aposta a través da celebración das Primeiras Xornadas Profesionais de Artesanía no Prato, que tiveron continuación no ano 2019 coa segunda edición, e o evento converteuse no punto de referencia para a colaboración entre ambos os dous sectores. Froito destes anos de traballo están a xurdir proxectos de colaboración entre artesáns e cociñeiros que cada vez son máis numerosos.