A Policía Nacional investigaba o mercadeo de substancias no Banco do Pobre, punto negro desde hai décadas na capital galega, onde comisaron cocaína, heroína, haxix e marihuana.
Na operación, culminada hai uns dez días polo Grupo de Estupefacientes da comisaría de Santiago, detiveron tres mulleres con numerosos antecedentes. Dúas delas quedaron en liberdade con cargos e outra ingresou en prisión. Na redada, os axentes tamén comisaron pequenas cantidades de droga.
A presenza policial na zona incrementouse nos últimos tempos ante a alarma veciñal. A maior parte dos residentes neste barrio, moi transitado pola proximidade do complexo hospitalario e con numerosos centros de ensino na contorna, prefiren non falar á cámara, pero os que si o fan confirman un aumento de problemas derivados do consumo de drogas, con xiringas en parques infantís e persoas en mal estado nas rúas.