A Garda Civil de Carballo en colaboración co Destacamento de Tráfico da Garda Civil da Coruña e a Policía Local de Coristanco detivo a tres persoas, unha veciña de Coristanco e dúas da Coruña, como presuntos autores dun delito de furto de vehículo de motor.
Os feitos sucederon cando os compoñentes dunha patrulla do Destacamento de Tráfico da Garda Civil da Coruña, que se atopaba realizando un servizo de vixilancia do tráfico na estrada AC-552, observaron a altura do quilómetro 28 un vehículo que ocupado por tres persoas, as cales ao aproximarse á súa posición fixeron ademán de ocultar o rostro.
Ante este comportamento anómalo, os gardas civís consultaron a placa de matrícula do turismo nas bases de datos, figurando nelas como subtraído na localidade da Coruña o 26 de setembro do ano en curso.
Tras corroborar a requisitoria do vehículo, os efectivos actuantes iniciaron o seguimento do mesmo ao obxecto de deter o turismo e identificar os seus ocupantes, comunicando a incidencia ao Centro Operativo Complexo (COC) da Comandancia da Coruña, para que alertase ás patrullas da zona, perdendo de vista o turismo á entrada da localidade de Carballo.
Posteriormente foi localizado por outra patrulla da mesma unidade á altura do quilómetro 34,5 da mesma vía, iniciando esta o seguimento do turismo, o cal abandona a estrada AC-552 en dirección ao lugar de Oca no termo municipal de Coristanco, onde o condutor detivo o vehículo, baixando os tres ocupantes do mesmo, emprendendo a fuxida do lugar á carreira en distintas direccións.
Os gardas civís inspeccionaron as inmediacións do lugar, localizando a un dos fuxidos escondido baixo un hórreo, o cal ao decatarse da presenza da Garda Civil inicia novamente a fuxida saltando por un terraplén de gran altura, perseguido polos dous compoñentes da patulla, conseguindo estes detelo aos poucos metros.
Tras a detención desta persoa as patrullas continuaron a procura ao obxecto de atopar aos outros dous fuxidos, sendo localizados por unha patrulla da Policía Local de Coristanco que participaba no operativo. A Garda Civil procedeu á detención destas tres persoas, coñecidos das forzas de seguridade por ilícitos de diversa índole, como presuntos autores dun delito de furto e de uso de vehículo de motor e á recuperación do turismo, achando no interior do mesmo un soplador e dúas rozadoras de procedencia descoñecida.
Os detidos, xunto coas actuacións realizadas e os obxectos recuperados, foron postos ao dispor do Xulgado de Instrución de garda de Carballo.