Tres detidos en Oleiros como presuntos autores de 14 delitos contra o patrimonio


A Garda Civil do Posto Principal de Oleiros en colaboración coa Unidade de Seguridade Cidadá (USECIC) da Comandancia da Garda Civil da Coruña detivo a dous homes e unha muller como presuntos autores de14 delitos contra o patrimonio na fase de explotación da operación Desokupa.

A mencionada operación iniciouse por mor do incremento dos delitos contra o patrimonio nesta localidade. No transcurso da mesma os compoñentes do Posto Principal de Oleiros lograron a identificación plena dos presuntos autores dos ilícitos e evidencias da súa suposta actividade ilegal, solicitando unha Orde de Entrada e Rexistro no domicilio destas persoas á Autoridade Xudicial.

Tras obter a autorización, solicitaron a colaboración da USECIC para a entrada e rexistro da vivenda, achando os efectivos actuantes gran cantidade de efectos subtraídos en domicilios da área metropolitana, entre os que destacaba unha motocicleta Peugeot do ano 1.954 valorada en 30.000 euros, logrando con iso o esclarecemento de 14 ilícitos penais contra o patrimonio.

A Garda Civil procedeu á detención destas persoas como presuntos autores de 14 delitos contra o patrimonio, constándolle a un deles unha requisitoria de procura e detención dimanante do Xulgado do Penal nº 5 de Pontevedra e á incautación dos efectos localizados para a súa restitución aos seus lexítimos propietarios.

Os detidos, xunto coas actuacións realizadas e os efectos incautados, foron postos ao dispor do Xulgado de Instrución nº 5 da Coruña.