Foi o pasado 27 de marzo. Un equipo de extinción acudía a apagar un incendio forestal no concello de Toques. Nos arredores localizaron un coche ardendo cun cadáver calcinado no interior, nunha zona a onde non chegara o lume. A Garda Civil identificou a Julio Lea Casal, veciño de Sobrado dos Monxes, de 59 anos e que traballaba como xardineiro.
As análises dos restos revelaron un golpe na cabeza e unha ferida no peito polo que se niciou unha investigación para determinar se se trataba dun accidente ou dunha morte violenta. A detención, este luns, de tres persoas relacionadas co caso apunta á segunda opción.
A Garda Civil mantivo todas as hipóteses abertas para tentar pescudar as causas deste falecemento e traballaba en varias liñas de investigación. Fontes da investigación avanzaron a detención de tres persoas presuntamente relacionadas con estes feitos, no marco da que denominaron como ‘Operación Sobralea’, cuxas dilixencias se atopan xudicializadas.