Tres candidaturas galegas avaladas por Artesanía de Galicia optan como finalistas aos XIV Premios Nacionais de Artesanía, convocados polo Ministerio de Industria, Comercio e Turismo. Trátase dos obradoiros Rígido (A Coruña) e Variopinto (Santiago de Compostela), ambos aspirantes ao Premio Emprendemento, e o de xoiería Noroeste Obradoiro (Santiago de Compostela), que compite na categoría de Premio Produto.
Estes galardóns nacionais están convocados a través da Escuela de Organización Industrial (EOI) e da súa cátedra de promoción da artesanía Fundesarte, a organización de referencia na promoción e no desenvolvemento das empresas artesás españolas. Con eles búscase recoñecer a aquelas empresas artesás que, conservando a súa esencia de oficio tradicional, destacan pola creatividade, responsabilidade social e medioambiental, adaptación ao mercado e capacidade de innovación. Ao mesmo tempo, prémiase ás institucións e empresas que teñan contribuído de xeito significativo a impulsar o traballo artesán.
En total, a XIV edición dos Premios Nacionais de Artesanía recibiu 116 candidaturas procedentes de toda España e de multitude de sectores, das cales foron seleccionados 15 proxectos finalistas, tres por cada unha das cinco categorías dos galardóns.
