Tres empresas de Artesanía de Galicia, entre as finalistas dos Premios Nacionais 2021


Tres candidaturas galegas avaladas por Artesanía de Galicia optan como finalistas aos XIV Premios Nacionais de Artesanía, convocados polo Ministerio de Industria, Comercio e Turismo. Trátase dos obradoiros Rígido (A Coruña) e Variopinto (Santiago de Compostela), ambos aspirantes ao Premio Emprendemento, e o de xoiería Noroeste Obradoiro (Santiago de Compostela), que compite na categoría de Premio Produto.

Estes galardóns nacionais están convocados a través da Escuela de Organización Industrial (EOI) e da súa cátedra de promoción da artesanía Fundesarte, a organización de referencia na promoción e no desenvolvemento das empresas artesás españolas. Con eles búscase recoñecer a aquelas empresas artesás que, conservando a súa esencia de oficio tradicional, destacan pola creatividade, responsabilidade social e medioambiental, adaptación ao mercado e capacidade de innovación. Ao mesmo tempo, prémiase ás institucións e empresas que teñan contribuído de xeito significativo a impulsar o traballo artesán.

En total, a XIV edición dos Premios Nacionais de Artesanía recibiu 116 candidaturas procedentes de toda España e de multitude de sectores, das cales foron seleccionados 15 proxectos finalistas, tres por cada unha das cinco categorías dos galardóns.