Tres feridos en accidentes de tráfico en Carballo, Cee e Ardaña

2 minutes read

Este martes foi unha xornada accidentada nas estradas da Costa da Morte. O primeiro dos sinistros, e quizais o máis grave, produciuse sobre as dez da mañá na avenida Fernando Blanco de Cee. Dous turismos chocaron de fronte co resultado de dúas persoas feridas e cuantiosos danos materiais en ambos os coches. Os feridos foron evacuados ao hospital Virxe da Xunqueira, a peor parte levoulla unha muller que presuntamente invadiu o carril contrario tras unha posible indisposición.

Sobre as 12 do mediodía tiña lugar en Carballo outro accidente tamén con numerosos danos nos dous vehículos implicados. Neste caso o choque produciuse nun cruzamento perigoso desde outrora, pero que desde hai tempo está regulado semafóricamente, situado na confluencia da Rúa Muíño con Avda. Ponte da Pedra. Un turismo da marca Seat circulaba en sentido ascendiente por esta última rúa cando presuntamente accedería ao cruzamento co semáforo pechado. Ao mesmo tempo, pola Rúa Muíño de sentido único, circulaba un turismo Peugeot que o envistió lateralmente, a forza do impacto desprazouno contra a esquina dun bar que actualmente está pechado. Por sorte ninguén resultou ferido, pero os dous coches sufriron importantes danos.

Unha hora máis tarde o 112 Emerxencias Galicia pasaba unha alerta por outro accidente, neste caso na estrada DP-1914, na coñecida recta de Rus. Investígase porqué un motorista terminou no chan á altura do quilómetro catro, no límite da parroquia de Rus coa veciña de Ardaña. Ao lugar desprazouse unha ambulancia do 061 que evacuou de urxencia ao motorista, afectado en varias partes do corpo tras a caída.

Lugar do accidente na Rúa Muíño, en Carballo.

Estás seguro de que quieres desbloquear este artículo?
Desbloquear izquierda : 0
Estás seguro de que quieres cancelar la suscripción?