Tres feridos nun acoitelamento na Haia

1 minutes read

Tres persoas resultaron feridas este venres nun ataque con arma branca na principal rúa comercial da cidade holandesa da Haia, segundo confirmou a Policía holandesa, o autor sería un home de entre 45 e 50 anos.

O incidente tivo lugar a última hora da tarde nunha tenda da Grote Markstraat, unha rúa céntrica da Haia, que os axentes pecharon por seguridade, aínda que as autoridades non confirmaron que o suceso sexa un ataque terrorista. O presunto autor, que se deu á fuga, é un home de estatura alta, que ía vestido con roupa de deporte e unha bufanda negra, segundo a descrición ofrecida pola Policía holandesa en Twitter.

Polo menos dúas das persoas feridas son mulleres e descoñécese a identidade da terceira vítima, aínda que todas entraron dentro dunha tenda xa con feridas de arma branca e gritaron que foran atacados na rúa peonil.

Este venres foi Black Friday, un día de descontos na maioría das tendas, polo que a rúa estaba chea de viandantes e compradores.