A saída de vía dun turismo en Mazaricos deixa tres persoas feridas, unha delas evacuada en helicóptero. O vehículo no que viaxaban os feridos bateu contra unha taxea cando circulaba pola AC-400, ao paso pola aldea de Suevos, Mazaricos.
Malia que abandonaron o coche polos seus propios medios, os tres ocupantes sufriron lesións de diversa consideración, polo que un deles tivo que ser trasladado en helicóptero medicalizado.
A alerta do accidente chegaba ó 112 Galicia sobre as 17:40h deste martes. Para facer fronte á situación, os xestores do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias de Galicia pediron a colaboración dos profesionais de Urxencias Sanitarias de Galicia, Bombeiros de Santa Comba e GES de Muros. Ademais, recibiron información os axentes da Garda Civil de Tráfico e Protección Civil de Mazaricos, de onde partiron dous voluntarios.
Do mesmo xeito, foron necesarios os equipos de limpeza e mantemento da estrada, neste caso da Axencia Galega de Infraestruturas. O accidente producíase ó sairse de vía o turismo, chocando así ca taxea.