Tres mortos en Curtis por monóxido de carbono


A dúas persoas maiores, de 86 e 81 anos, atopáronas mortas no seu dormitorio, mentres que o fillo da parella, un home de 52 anos estaba no garaxe, onde tiña un xerador.

Ese xerador sería o causante da emisión do monóxido de carbono que acabou coa vida das tres persoas, segundo informa a comandancia da Garda Civil.

No lugar están presentes axentes da Garda Civil, o GES de Curtis, bombeiros de Betanzos e servizos sanitarios. Familiares dos falecidos, moi afectados, están recibindo asistencia psicolóxica dun equipo de especialistas.