Tres persoas afectadas polo lume nunha vivenda da Coruña

1 minutes read

Os feridos, de diversa consideración, foron atendidos no Hospital Universitario da Coruña, e os Bombeiros municipais encargáronse da extinción das chamas, que queimaron unha habitación empregada como roupeiro. Ademais, unha gran parte do piso, situado na rúa Posse, quedou afectada polo fume.

O lume tivo a súa orixe na explosión dunha lámpada na habitación afectada, segundo comunicou un dos ocupantes do piso ao 112 Galicia. Tras dar indicacións aos Bombeiros da Coruña, o alertador explicou que tódalas persoas que se atopaban no seu interior ían abandonar o inmoble. Naquel momento non había ningún ferido.

Sen embargo, ao rematar a súa intervención, os servizos de emerxencias informaron de que tres persoas que estaban no domicilio no momento en que comezara o lume tiveron que ser trasladadas polo persoal de Urxencias Sanitarias de Galicia-061 ao Hospital da Coruña, feridas de diversa consideración. Unha delas, segundo indicaban os bombeiros, sufrira queimaduras ao tratar de apagar ela mesma uns rescaldos.

Tamén participaron no operativo os axentes da Policía Local e Protección Civil da cidade.