Tres persoas, entre elas dous menores, feridos nun accidente en Pazos de Borbén

1 minutes read

Unha muller e os seus dous fillos resultaron feridos ao saírse da vía e caer por un desnivel o vehículo no que viaxaban. O sinistro ocorreu preto das catro da tarde deste sábado na PO-253, no lugar de Moscoso, en Pazos de Borbén.

Quen alertou do suceso a través do teléfono de emerxencias 112 foi unha dos menores, que pedía asistencia médica urxente para o seu irmán pequeno, que presentaba unha ferida na cabeza. Así, desde o 112 Galicia, pediuse a colaboración dos profesionais de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, que, despois de ofrecer os primeiros coidados no lugar de accidente, trasladaron aos tres afectados ao Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo con lesións de diversa consideración.

Se ben é certo que os feridos estaban liberados e accesibles, o persoal médico necesitaba o apoio dos membros do GES de Mos para sacar ás persoas do coche, caído no fondo dun terraplén e no medio dunha silveira. Para este operativo tamén foi necesaria a intervención da Garda Civil de Tráfico.