Pasaban uns minutos das catro da tarde deste sábado cando un particular deu a voz de alarma ao CAE 112 Emerxencias Galicia dun accidente con varios feridos, na estrada DP-1902 Carballo – Razo á altura do punto quilométrico 7. O sinistro en concreto ocorría na parroquia carballesa de Oza, a onde de inmediato se trasladaron dúas ambulancias, Protección Civil de Carballo, Policia Local, Garda Civil, Tráfico e Atestados.
Unha vez no punto, puideron comprobar que se trataba dunha saída de vía dun único turismo Wolsvagen Golf GTI con tres ocupantes a bordo, dous dos cales xa estaban fóra do coche e a acompañante do condutor -Vanesa V. P.- no interior, esta persoa queixábase de dor nas costas, polo que os Bombeiros decidiron retirar o teito do vehículo para minimizar os movementos da columna vertebral e poder sacala ao exterior coa axuda dun taboleiro apropiado. Unha vez liberada foi atendida polos sanitarios e trasladada ao hospital.
As outras dúas persoas presentaban feridas leves, aínda que por seguridade tamén foron evacuadas. Investígase o motivo polo que se puido producir o accidente, dado que as condicións climatolóxicas e da vía eran normais a esa hora.