Tres persoas feridas en dous accidentes, en Ponteceso e Coristanco

Os equipos de emerxencia tiveron que forzar unha das portas do turismo para facilitar a saída do condutor tras unha saída de vía rexistrada no concello de Ponteceso.

O 112 Galicia recibiu o aviso ás 03:20 horas deste domingo por parte do GES de Ponteceso, que á súa vez fora alertado por un particular dun accidente de tráfico ocorrido na rúa da Vereda, na parroquia de Tella, cara a onde se desprazaban os efectivos.

Desde a sala de operacións do 112 Galicia deuse aviso ao Servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, así como aos axentes da Garda Civil de Tráfico.

Segundo a información facilitada polos equipos desprazados, o sinistro consistiu nunha saída de vía na que un turismo colisionou contra unha farola. Foi preciso forzar unha das portas do vehículo para que o condutor puidese saír e ser trasladado polo persoal sanitario a un centro médico por precaución.

Un accidente en Coristanco sáldase con dúas persoas feridas
O sinistro produciuse arredor das 20:00 horas do sábado na estrada DP-1912, no punto quilométrico aproximado 3, ao seu paso pola parroquia de Traba. Nese momento, un particular contactou co 112 Galicia alertando dun accidente de tráfico no que podería haber persoas atrapadas.

De inmediato, desde a sala de operacións activouse un operativo no que participaron o Servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, os Bombeiros de Bergantiños, o GES de Ponteceso, a Garda Civil de Tráfico e efectivos de Protección Civil.

Unha vez no lugar, os equipos de emerxencia confirmaron que se tratou dunha colisión frontolateral entre dous vehículos. Foi precisa a intervención dos servizos de emerxencias para liberar a un dos condutores, non por quedar atrapado polos ferros, senón debido á deformación dun lateral do vehículo e á presenza do outro turismo impactado no lado contrario.

Finalmente, dúas persoas foron trasladadas ao Hospital Universitario da Coruña.

Related posts

Detectada dunha vertedura ilegal de lixo nunha pista forestal da parroquia de Soandres, na Laracha

Carballo e Coristanco repiten modelo de colaboración coa solicitude do segundo Obradoiro Lubiáns

O Concello de Zas aproba a RPT e impulsa a remodelación da Praza do Campo