Tres persoas feridas o domingo nun accidente na AC-418 entre Cances e Leiloio e outra este luns en Vilastose, Muxía

2 minutes read

O 112 Emerxencias Galicia activou unha alerta ás cinco e media da tarde deste domingo tras o aviso dun particular dunha colisión entre un turismo e unha furgoneta e cun terceiro vehículo implicado. Tras acudir de urxencia ao lugar, quilómetro seis da AC-418, os bombeiros de Carballo e demáis medios de asistencia atopáronse cun coche volcado, unha furgoneta cun impacto frontolateral e outro turismo con danos menores. Unha persoa tivo que ser escarcerada, atendida de urxencia e derivada en ambulancia ao CHUAC con pronóstico grave, pero consciente, e outras dúas atendidas por feridas de menor medida, pero igualmente evacuadas. Ao punto acudía tamén o GES de Ponteceso, Protección Civil e Policía Local de Malpica, así como a Garda Civil de Tráfico, que investiga as posibles causas deste sinistro que causaba importantes retencións polo corte parcial da estrada afectada.

Unha colisión frontal entre dous vehículos obriga a intervir aos bombeiros para liberar a un dos condutores en Muxía

Ocorreu pouco antes das oito da mañá deste luns en Vilastose, Muxía. Unha chamada ao 112 Galicia serviu para activar un protocolo de resposta, que levou aos Bombeiros de Cee ao lugar do accidente, en Calo, para liberar a un dos condutores implicados. En concreto, tratouse dunha colisión frontal entre un turismo e un cuadriciclo, con ambos os dous condutores feridos de diversa consideración. Así como o ocupante do coche foi evacuado para unha valoración médica, o do cuadriciclo necesitou axuda dos Bombeiros de Cee para saír do vehículo. Despois, foi atendido e trasladado por unha dotación de Urxencias Sanitarias de Galicia-061 con lesións de maior importancia. Ademais de bombeiros e sanitarios, desde o 112 Galicia, solicitouse a intervención dos axentes da Garda Civil de Tráfico.

Falece un motorista nas Pontes

Un motorista faleceu logo de sufrir un accidente nunha rotonda situada no quilómetro 0 da AC-101, nas Pontes. Foi un particular quen chamou ao 112 Galicia e sinalou que a persoa permanecía inconsciente, pouco antes das 18:30 horas deste domingo. Ata o lugar desprazáronse Urxencias Sanitarias de Galicia-061, a Garda Civil de Tráfico e os voluntarios de Protección Civil das Pontes. Finalmente, e malia os esforzos por reanimalo, os profesionais sanitarios só puideron confirmar o seu falecemento.