- No sinistro de Bértoa, estiveron implicados tres menores de idade que foron trasladados a distintos centros hospitalarios.
O accidente de Camariñas deixou tres persoas feridas, unha de cada vehículo implicado. Un particular contactou co 112 Galicia ás 16:50 horas deste venres para alertar dun accidente de tráfico na rúa de Curros, na Ponte do Porto, no concello de Camariñas. Na súa chamada, indicou que había tres vehículos implicados e que varias persoas resultaran feridas. De inmediato, os xestores do 112 Galicia informaron do suceso ao Servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, á Garda Civil de Tráfico e aos Bombeiros de Cee. Segundo indicaron os equipos de emerxencia desprazados ao lugar, o accidente produciuse cando un dos vehículos non respectou un sinal de ceda o paso, o que provocou unha colisión por alcance. Como consecuencia do accidente, tres persoas resultaron feridas e foron trasladadas a un centro hospitalario de referencia, unha de cada vehículo implicado.
O accidente de Bértoa, en Carballo, producíase pasados uns minutos das cinco e media da tarde deste venres, preto do quilómetro 1 da estrada DP-1909 que une esta parroquia carballesa coa larachesa de Caión, no lugar de Guilfonxe. Neste caso un turismo todoterreo saíuse da vía e chocou contra un poste do tendido eléctrico. No interior do coche viaxaban tres persoas menores de idade de 17, 16 e 11 anos. Todos tiveron que ser evacuados de urxencia en ambulancia ao hospital, o máis novo ao Materno Infantil da Coruña. Quedou aberta unha investigación para esclarecer o suceso, pero todo indica que o condutor era o mozo de 17 anos. Ao lugar acudiron os bombeiros de Carballo, Policía Local, Garda Civil e os servizos médicos o 061.
