Tres persoas feridas, unha delas excarcerada, nun accidente de tráfico en Arteixo

1 minutes read

Tres persoas resultaron feridas este mércores en Arteixo nunha colisión na que se viron implicados dous coches. Segundo a información facilitada polos Bombeiros de Arteixo ao 112 Galicia, nun dos vehículos circulaba unha persoa que tivo que ser excarcerada e no outro turismo accidentado viaxaban dous ocupantes. Unha vez liberada a persoa atrapada e atendidas as outras dúas, os servizos sanitarios as trasladaron ao Complexo Hospitalario Universitario  da Coruña. O accidente produciuse na Travesía de Arteixo, á altura do número 112. Varias persoas particulares deron conta do sinistro ao 112 Galicia e, decontado, desde o CIAE 112 Galicia pasouse o aviso a Urxencias Sanitarias de Galicia-061, aos Bombeiros de Arteixo, á Policía Local e ao Servizo Municipal de Protección Civil.