Tres persoas feridas, unha delas excarcerada, tras unha saída de vía en Cerqueda, Malpica

Estado do turismo tras o accidente_Bombeiros de Carballo.

Tres persoas resultaron feridas na noite deste venres en Cerqueda, Malpica de Bergantiños, tras producirse unha saída de vía na AC-418.

Segundo a información facilitada ao 112 Galicia polos Bombeiros de Carballo, foi necesario excarcerar a un dos ocupantes do vehículo que, unha vez liberado, puido ser evacuado polo equipo sanitario de urxencia ata o Complexo Hospitalario Universitario A Coruña. As outras dúas persoas que viaxaban no vehículo saíron polo seu pé.

Foi unha persoa particular quen puxo os feitos en coñecemento do 112 a través dunha chamada de alerta preto das 23:00 horas. Así, ademais dos bombeiros e dos profesionais de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, os xestores do 112 pasaron aviso aos membros do GES de Ponteceso, aos axentes da Garda Civil de Tráfico, aos efectivos de Protección Civil da localidade e ao servizo de mantemento das estradas.