Tres persoas intoxicadas na Coruña polo mal funcionamento dunha estufa

Rúa Monasterio de Toxos, A Coruña _ Google Maps

  • O incidente produciuse arredor das 5 da madrugada deste mércores e as vítimas foron trasladadas ao CHUAC

O mal funcionamento dunha estufa de queroseno provocou que se intoxicasen os tres ocupantes dunha vivenda situada na Rúa Mosteiro de Toxos, na Coruña.

Os afectados foron evacuados de madrugada ao Complexo Hospitalario Universitario da Coruña (CHUAC) despois de recibir os primeiros coidados no propio domicilio.

A alerta sobre este suceso saltou no 112 Galicia pouco antes das cinco desta madrugada, cando os profesionais de Urxencias Sanitarias de Galicia-061 comprobaron mediante o detector de CO2 da ambulancia que había presenza de gases no interior da vivenda. Deste xeito, o persoal do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias de Galicia informou aos Bombeiros da Coruña co fin de determinar a orixe da fuga, que, despois de realizar as medicións correspondentes, situaron nunha estufa de queroseno que queimaba mal.

No operativo tamén colaborou a Policía Local.