Nove vehículos resultaron danados e a circulación estivo interrompida nos carrís en sentido Lugo.
Ás 8:30 horas da mañá deste venres, o 112 Galicia atendeu distintos avisos sobre un accidente na A-54, en Santiago, ao paso pola parroquia de Sabugueira, no punto quilométrico 85.
Todas as comunicacións apuntaban a unha colisión en cadea con varios vehículos implicados sen que ningún dos alertadores puidese, naquel momento, concretar o número. Tampouco podían precisar se había feridos, pero, por precaución, os xestores do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias solicitaron a intervención dos recursos de Urxencias Sanitarias de Galicia-061.
Finalmente, tres persoas tiveron que ser evacuadas ao Hospital da Rosaleda e nove vehículos sufriron danos a causa desta colisión en cadea cuxa orixe un dos alertadores situou nos efectos do sol na conducción.
Ademais dos sanitarios, o 112 Galicia avisou aos axentes da Garda Civil de Tráfico e da Policía Local.
Inicialmente, comunicouse o suceso aos Bombeiros de Santiago, pero ninguén necesitou ser rescatado.
