Tres persoas trasladadas ao hospital de Cee tras unha colisión entre dous coches en Muxía

1 minutes read

Aínda que nun principio non parecían presentar lesións de gravidade, as tres persoas feridas foron trasladadas ao Hospital Virxe da Xunqueira. Un dos vehículos obstaculizaba a circulación, que pronto foi restablecida.

Un particular chamou ao 112 Galicia para informar dunha colisión entre dous vehículos en Muxía, á altura do desvío a Queiroso e Neimiña da estrada que vai dende Touriñán a Castro. Nun primeiro momento, parecía que unha das persoas implicadas necesitaba asistencia sanitaria.  

A Policía Local de Muxía acudira para regular a circulación en espera da chegada da Garda Civil de Tráfico. Segundo o persoal dos Bombeiros de Cee desprazado ata o lugar, foron tres persoas as trasladadas polos servizos sanitarios ao Hospital Virxe da Xunqueira, aínda que non parecían revestir gravidade.

Tras retirar os vehículos a fin de restablecer a circulación coa maior celeridade, os Bombeiros encargáronse de limpar a estrada.

Ademais de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, foron informados os Bombeiros de Cee, a Garda Civil de Tráfico, a Policía Local e Protección Civil de Muxía.