Tras o acendido do alumeado de Nadal do pasado venres, tres actuacións de teatro abrirán esta semana a programación especial de Nadal do Concello de Brión. Tres espectáculos que terán lugar no centro social polivalente e que son de entrada libre e de balde.
A programación arrinca este xoves 15 de decembro con “Ornithology”, un espectáculo para un público adulo a medio camiño entre a narración tradicional, a épica escénica e o cabaret literario. Protagonizada por Quico Cadaval e Pablo Castaño, a función comezará ás 20:00 horas.
Un día despois, o venres 16 de decembro, será a quenda de Ste Xeito Producións, que porá sobre o escenario brionés “Feminíssimas”, unha comedia negra escrita por Esther F. Carrodeguas, que a interpreta canda Noelia Blanco Pérez e Stephy Llaryora. Tres actrices que representan tres formas distintas de entender o feminismo: o radical, o liberal e o postfeminismo. Neste caso, a actuación terá lugar ás 21:00 horas.
Finalmente, a sesión do sábado 17 de decembro irá dirixida a un público familiar, con nenos e nenas de máis de 7 anos. Ás 20:00 horas, Farándula Velutina escenificará “A derradeira Bala”, unha comedia que chega a Brión da man da Federación Galega de Teatro Afeccionado e que quedara adiada no seu día por mor da covi. Neste caso é unha comedia ambientada nun contexto de guerra.
A maiores, este venres 16 de decembro, ás 18:00 horas, a sala municipal de exposicións acollerá “O apalpador conta con vós”, un espectáculo de Caxoto dirixido a nenos e nenas de entre 4 e 10 anos. A entrada será libre e de balde ata completar aforo, se ben é posible reservar localidades a través da web municipal www.concellodebrion.gal.