- O regulamento prevé a instalación dun total de 15 postos repartidos entre a Praza do Concello, Rego da Balsa e o aparcamento público do Gadis Híper
Coa finalidade de apoiar a reactivación do sector das atraccións de feira e a venda ambulante ligada ás festas, a Concellaría de Feiras do Concello de Carballo impulsa a reorganización dos espazos destinados a estas actividades. Esta decisión tómase ante a «imposibilidade de instalación de todos os postos na Praza do Concello por non reunir as condicións necesarias para o cumprimento dos aforos e distancias esixidos pola situación sanitaria», destacan desde o Goberno local.
As atraccións e os postos de venda ambulante poderán retomar a súa actividade de acordo co regulamento elaborado en base á normativa sanitaria vixente, a ordenanza municipal de feiras e mercados e o protocolo de boas prácticas publicado pola Federación Española de Municipios e Provincias e a Unión de Industriales Feriantes de España.
Desta forma, e intentando activar de novo este sector, un dos que máis sufriu a pandemia da Covid-19, establecéronse tres puntos de ocio. No estacionamento público do Gadis Híper, na rúa Perú, instalaranse as atraccións de feira. Ademais, nesta zona, na contorna do parque Rego da Balsa e na Praza do Concello estarán ubicados os postos ambulantes de alimentación.
Nos vindeiros días publicarase no Boletín Oficial da Provincia (BOP) a resolución correspondente e comezarán a contar os cinco días hábiles de prazo para que os empresarios do sector presenten as súas solicitudes. Despois deste primeiro prazo extraordinario, as solicitudes deberán realizarse entre os días 20 e o 25 de cada mes anterior ao da ocupación solicitada, indicando as características do posto e a situación preferente.
Na Praza do Concello as autorizacións limitaranse ás vésperas e días festivos, ata un máximo de catro días ao mes. Nas outras dúas zonas as autorizacións serán quincenais.
O horario de apertura máximo será de 10:00 a 21:00 horas, e non se permitirá música ambiental nin aparatos emisores de sons molestos para a veciñanza.