Trevinca conta cun novo referente do turismo astronómico


Trátase dun planetario dixital e telescopios para ver as estrelas nun dos lugares máis privilexiados do noroeste para observar a Vía Láctea. Ademais de visitas guiadas, o centro ofrece obradoiros e cursos de astronomía. O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, que presidiu a inauguración, destacou que as novas instalacións do Observatorio Astronómico Trevinca, froito da colaboración entre a Xunta, a Deputación de Ourense e o Concello, serán un revulsivo para a comarca fomentando o turismo e a promoción dos recursos naturais e científicos. Esta apertura dá un pulo á distinción outorgada ao municipio, que, en 2015, foi designado o primeiro Destino Turístico Starlight de Galicia, tras acreditar tanto a calidade dos seus ceos, como a existencia de equipamentos turísticos e medios para divulgar a astronomía. Este observatorio conta con dúas cúpulas, telescopio solar e simulador de voo; cun planetario e cunha zona de exposición.