“Truco ou trato?” | Campaña de Samaín do CCA Carballo para dinamizar e dar visibilidade ao comercio local

O Centro Comercial Aberto (CCA) Carballo pon en marcha unha nova e divertida campaña de Samaín baixo o lema “Truco ou trato?”, que se desenvolverá do 20 ao 31 de outubro co obxectivo de premiar a fidelidade da clientela e impulsar as compras nos establecementos locais, ademais de darlle maior visibilidade á diversidade de comercios que forman parte da asociación.
Este venres, varios membros da directiva, encabezados pola súa presidenta Silvana Rama Corral, presentaron a ginkana comercial acompañados polo alcalde de Carballo Daniel Pérez; o concelleiro de Promoción Económica Xosé Regueira, e o responsable de Feiras e Mercados Ramón Varela.
34 comercios participarán nesta iniciativa lúdica e festiva, que convida á veciñanza a percorrer os escaparates decorados especialmente para a ocasión e localizar as letras misteriosas agochadas nas súas decoracións de Samaín. Cada comercio participante estará identificado cun vinilo da campaña e unha decoración temática, creando así un ambiente máxico, misterioso e atractivo nas rúas de Carballo.
As persoas que consigan atopar todas as letras e formar unha ou varias das nosas palabras misteriosas, deberán anotalas na súa tarxeta de participación, dispoñible nos comercios da ruta ao realizar unha compra, e entregala xunto con dous tickets e todas as letras que forman a palabra no punto de recollida situado na carpa que o CCA Carballo instalará na Praza do Concello o venres 31, de 17.00 a 20.00 horas (en caso de choiva, trasladarase ao Mercado Municipal).
Entre todas as persoas participantes, o CCA realizará un sorteo de seis cheques de 50 euros cada un, para gastar nos comercios asociados. Ademais, quen acuda disfrazado/a terá un agasallo sorpresa directo no punto de recollida. O sorteo celebrarase o luns 3 e anunciarase nas redes sociais da asociación.


“Con esta campaña queremos premiar unha vez máis ás persoas que seguen apostando polo comercio local, contribuíndo así a manter vivo e activo o noso pobo”, destacou a presidenta do CCA, quen tamén salientou que “‘Truco ou trato?’ combina diversión, compras e espírito comunitario, reforzando a nosa imaxe como un espazo comercial próximo, dinámico e creativo”.


Pola súa banda, o alcalde, Daniel Pérez, destacou a creatividade do comercio carballés, que ao longo de todo o ano desenvolve campañas que van máis alá da promoción e que se converten, como neste caso, nunha oportunidade para a celebración colectiva. «En Galicia é tradición celebrar a véspera do primeiro de novembro, e o comercio carballés de tradición sabe moito, porque o noso é un concello eminentemente comercial e emprendedor», sinalou.


A través desta proposta de gamificación e recompensación directa, o CCA Carballo busca mellorar a experiencia de compra, atraer nova clientela e encher as rúas de ambiente festivo, poñendo en valor o consumo de proximidade e o traballo conxunto do tecido comercial carballés.

Palabras misteriosas:
MORCEGO- FEITIZO – SAMAÍN – PANTASMA – CABAZA – MONSTRO – DOCES

Esta actividade está organizada polo CCA Carballo e conta coa colaboración da Xunta de Galicia, a Deputación da Coruña e o Concello de Carballo.

Estos son os comercios participantes:
A Fragua de Mo, A saia da Carolina, Akira, Atelier, Benetton, Bio Salón Mesturas, Buy&Sell, Cenor, Comercial Queijo, Doces soños, Dv Carballo, Ekaté, Emiliano Moda, Estratexia Comunicación, Ferretería Arán, Florida Centro Joya, Floristería Taibo, Informática Valem, Jorge Moda, La casita de Lu, Lencería Mª José, Lenda, Merliño xoguetería, Mmmm!Xeados, Muebles ¡ Fuentes, Oro Express, Peluquería Beni, Refugallo Zero, Retoños, Teirón, Todo Lar, Upa! Espazo barefoot, Zapatillería Isabel e Zocas.

Related posts

Dumbría contará con dúas novas paradas de autobús nos servizos que conectan con Cee en horarios de instituto

A Aula CeMIT de Carballo será sede das probas para obter o certificado de competencias dixitais de nivel intermedio

Malpica énchese de onda e paixón co ‘Malpica Surf Fest 2025’