O presidente saínte de Estados Unidos, Donald Trump, abandonou este mércores a Casa Branca e a cidade de Washington antes da cerimonia da toma de posesión do seu sucesor, o demócrata Joe Biden, rompendo coa tradición. O magnate neoiorquino e a súa muller, Melania Trump, abandonaron a Casa Branca por última vez como gobernante e a primeira dama de Estados Unidos no helicóptero presidencial, Marine One. Ambos se dirixiron ata a base aérea militar de Andrews, en Maryland, desde onde voarán ata Florida a bordo do Air Force One para aloxarse nunha das súas mansións. Antes de abandonar a base aérea militar celebrouse un breve acto de despedida cos seus seguidores, na que Trump agradeceu á súa familia, amigos e ao seu equipo “polos seus esforzos e traballo duro”. “Estes catro anos foron incribles”, afirmou o republicano. “Estaremos de volta dalgún modo”, engadiu antes de coller o avión presidencial por última vez.
17