O presidente de Estados Unidos, Donald Trump, advertiu este martes que está a considerar impoñer aranceis a España como represalia pola negativa do Gobierno de Pedro Sánchez a elevar o gasto en Defensa ata o 5% do PIB. Durante unha rolda de prensa conxunta co mandatario arxentino Javier Milei na Casa Branca, Trump afirmou que «habería que castigarlles» se o país non cumpre cos compromisos militares asumidos no marco da OTAN. Trump sostivo que a medida podería servir como resposta á falta de compromiso de España, que, segundo dixo, «está a facelo moi ben a costa nosa». O presidente estadounidense destacou que España é o único membro da alianza de 32 países que non se compromete a alcanzar o 5% do PIB en gasto militar, e acusou o Executivo español de mostrar «unha gran falta de respecto á OTAN». Trump lembrou ademais que a súa Administración xa negociou aranceis coa Unión Europea, «que inclúe a España», e advertiu que esta decisión podería reabrir tensións comerciais entre Washington e Bruxelas.