O presidente estadounidense, Donald Trump, declarou este venres a emerxencia nacional debido ao coronavirus, unha medida que permitirá desbloquear ata 50.000 millóns de dólares en fondos federais para axudar aos estados e localidades de EE.UU. a combater a enfermidade.
Trump tamén anunciou unha alianza co sector privado para aumentar a dispoñibilidade das probas médicas para detectar o coronavirus, cuxa escaseza en todo o país foi unha das maiores fontes de críticas á resposta da Casa Branca. O presidente calculou que Estados Unidos terá «1,4 millóns de tests dispoñibles a semana que vén e 5 millóns no prazo dun mes», aínda que dubidou de que tantas probas poidan ser «necesarias».
Anunciou que Google «está a axudar a desenvolver unha páxina web» oficial na que os estadounidenses «poderán tomar a decisión de se deben facerse un test», e se se dá a circunstancia, dirixirlles cara ao «lugar adecuado» para facerllo.
Tamén asegurou que está a traballar para «que haxa probas que se poden facer desde o automóbil dispoñibles en lugares cun impacto crítico» do coronavirus, unha medida que xa se implementou en Corea do Sur.