O expresidente Donald Trump (2017-2021) chegou este xoves á sede do tribunal federal do Distrito de Columbia para a lectura de cargos tras ser imputado por supostamente tentar reverter o resultado das eleccións de 2020.
O exmandatario, de 77 anos, chegou ao xulgado E. Barrett Prettyman, sede da corte e moi preto do Capitolio de EE.UU., sobre a 15.14 hora local (19.14 GMT), no medio dunha gran expectación mediática e unha forte presenza policial. Alí declarouse «inocente» de todos os cargos.
A xuíza Moxila Upadhyaya foi a responsable en ler os catro cargos que se lle imputan: conspiración para defraudar aos Estados Unidos, conspiración para obstruir un procedemento oficial, obstrución e intento de obstruir un procedemento oficial e conspiración contra dereitos.