A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, acompañada do alcalde de Dumbría, José Manuel Pequeño, visitou os traballos de mellora da accesibilidade e eliminación de barreiras arquitectónicas levadas a cabo na fervenza do Ézaro, no concello de Dumbría, ao abeiro da orde de subvencións para a mellora de infraestruturas turísticas dos concellos de ata 10.000 habitantes. “Este ano continuaremos con este apoio aos concellos coa nova convocatoria á que destinamos 1 millón de euros co obxectivo de seguir atraendo visitantes a estes territorios”, explicou Nava Castro.
A Xunta achegou case 30.000 euros o ano pasado para acometer os traballos de mellora, que se suman aos case 100.000 euros investidos desde 2018 para a posta en valor deste recurso turístico de primeiro orde na Costa da Morte, unha parada obrigada para quen visita este territorio, tal e como puxo de manifesto a directora de Turismo de Galicia durante a visita.
Ademais animou ao concello de Dumbría a volver a presentarse a esta nova convocatoria de axudas que permiten levar adiante actuacións de sinalización, embelecemento, iluminación, accesibilidade ou recuperación e posta en valor de recursos turísticos con riqueza histórica, cultural, patrimonial e paisaxística como miradoiros, sendeiros, así como a adecuación de espazos destinados ao estacionamento de vehículos dos visitantes.