Turismo de Galicia pon en marcha as axudas para a promoción da dixitalización no sector

xunta.gal

Estas axudas teñen por obxecto promover o desenvolvemento tecnolóxico e o proceso de transformación dixital das empresas turísticas a través da incorporación de solucións dixitais aos seus establecementos, servizos e procesos, coa finalidade de mellorar a súa competitividade, adaptándose ás novas necesidades e tendencias do sector turístico. O importe da subvención será do 80 % do investimento subvencionable. A axuda máxima será de 12.000 euros. O prazo de presentación de solicitudes será dun mes desde este xoves.

Na actualidade, a dixitalización é clave para garantir a competitividade e a sustentabilidade do sector turístico, polo que dixitalizar as empresas turísticas apoia que sexan máis accesibles mediante dispositivos e sistemas que lles permitan ser eficientes nos procesos de xestión. A clave da transformación tecnolóxica é, ademais da infraestrutura dixital, o acceso a tecnoloxías como a nube, a ciberseguriade, sistemas de intelixencia artificial e análise masivo de datos.

Poderán ser persoas beneficiarias das subvencións as persoas físicas e xurídicas titulares de establecementos hoteleiros, campamentos de turismo, establecementos de turismo rural, apartamentos turísticos, vivendas turísticas e albergues turísticos; empresas de restauración (restaurantes, cafeterías e bares) e axencias de viaxes, que teñan o seu domicilio fiscal en Galicia e que o teñan inscrito e autorizado ou clasificado, conforme estableza a normativa turística no Rexistro de Empresas e Actividades Turísticas da Xunta de Galicia.

Considéranse gastos subvencionables aqueles en que incorrese a persoa solicitante entre o 1 de xaneiro e o 15 de novembro, derivados da transformación dixital, da instalación de ferramentas de visualización, consulta e análise de datos, da Implementación de motores de reserva; da incorporación de sistemas e metodoloxías para reforzar a seguridade dos datos. Tamén inclúe gastos derivados da creación do produto e /ou comercialización do destino Galicia e desenvolvemento das TIC na xestión, promoción e comercialización da oferta turística.

Related posts

O Punto Rojo ponse en marcha en Baio con descontos, premios, moita actividade nas rúas e unha ruta de tapas

Rosa Otero recoñecida como Filla Adoptiva da Coruña

Aberto o prazo de inscrición no programa de voluntariado xuvenil da Laracha