Turismo de Galicia promociona internacionalmente o Camiño Inglés e Fisterra-Muxía

O director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, acompañado polo director de Administración e Relacións da Asociación de Amigos do Camiño, Ildefonso de la Campa, iniciou en Reading a súa viaxe de promoción internacional do Camiño de Santiago por Reino Unido participando na xornada ‘Primavera no Camiño’, impulsada pola Asociación de Municipios do Camiño Inglés e na que colabora tamén a mesma entidade do Camiño Fisterra-Muxía. A iniciativa ten como obxectivo reforzar os vínculos históricos entre Galicia e o territorio británico, especialmente a través das rutas inglesa e Fisterra-Muxía, nun contexto marcado pola preparación do Xacobeo 2027.

Na inauguración da xornada, salientou a idoneidade da mesma que permite dar maior visibilidade aos Camiños Inglés e Fisterra-Muxía no mercado británico. Precisamente, Xosé Merelles lembrou a súa evolución positiva en Galicia durante os últimos anos, destacando que “en 2025 superáronse os 130.000 viaxeiros procedentes do Reino Unido e preto de 230.000 noites en Galicia”, o que se traduciu no mercado que máis medrou en número de visitantes en 2025 rexistrando un incremento do 14,6%. Ao tempo, subliñou tamén  “as máis de 14.600 compostelas entregadas” a peregrinos ingleses no último ano. “Reino Unido consolidouse como o cuarto mercado internacional con maior peso en Galicia e o quinto país de orixe de peregrinos internacionais”, destacou.

Referíndose ao Camiño Inglés, un dos itinerarios históricos máis relevantes, subliñou que a colaboración entre a sociedade civil británica e española, xunto coas administracións públicas, universidades e igrexas, “constitúe un exemplo de coordinación e cooperación internacional para a recuperación dos nosos patrimonios nacionais e europeos”.  Neste sentido, Xosé Merelles puxo especial énfase en que “o ano pasado máis de 30.000 peregrinos percorreron o Camiño Inglés e case 15.000 peregrinos británicos realizaron algún itinerario xacobeo en Galicia”.

A programación desta xornada incluíu ademais unha área de promoción cunha carpa informativa na que estiveron presentes a Xunta de Galicia e distintas asociacións vinculadas ao Camiño de Santiago, configurándose como un espazo clave de contacto directo cos asistentes. A través destes puntos ofrecéronse materiais divulgativos, información detallada sobre as diferentes rutas xacobeas e recursos turísticos de Galicia, achegando a experiencia do Camiño ao público, resolvendo dúbidas e fomentando o interese pola peregrinación. Esta acción de proxección inclúese ademais no Plan de Promoción de Turismo de Galicia para este 2026.

Para concluír, o responsable autonómico quixo agradecer “a colaboración de tantos voluntarios que fixeron posible a sinalización deste camiño histórico que une o Reino Unido con España desde Finchale ata Southampton”.

Related posts

Multitudinario Xantar dos Maiores de Vimianzo

Vieiro puxo en marcha, entre alumnado de 12 a 16 anos, unha iniciativa de desenvolvemento de habilidades socioemocionales

Abre o prazo para anotarse ao Curso Intensivo de Natación de Verán que organiza a A.D. Fogar en Carballo