Turquía acepta que Finlandia e Suecia entren na OTAN


Os gobernos de Turquía, Finlandia e Suecia asinaron este martes un acordo polo que Ankara retira o veto aos dous países nórdicos e acepta a súa entrada na Alianza Atlántica despois de catro horas de reunión no marco do cume da OTAN que se celebra en Madrid.

«Temos un acordo que achanda o camiño a Suecia e Finlandia para unirse á OTAN», afirmou o secretario xeral da Alianza Atlántica, Jens Stoltenberg, quen tamén participou na reunión. «Os tres países asinaron un memorando no que se mostran as preocupacións de Turquía, como as exportacións de armas ou a loita contra o terrorismo», engadiu.

O documento non supón a adhesión inmediata de Finlandia e Suecia á OTAN, pero inicia o proceso. Os aliados acordarán os pasos concretos da adhesión á Alianza nos próximos días.