UCIN Galicia volve advertir do grave perigo ambiental que supón a chegada das primeiras choivas tras os incendios do verán, que arrasaron arredor de 171.000 hectáreas do territorio galego. As cinzas e os sedimentos acumulados nas zonas queimadas, coñecidos popularmente como o “chapapote do monte”, poden chegar aos ríos e encoros, afectando á calidade da auga, á fauna fluvial e aos ecosistemas acuáticos.
O coordinador de UCIN Galicia, José Luis Calo, lembrou que “xa a principios de agosto advertimos da necesidade de actuar con urxencia para evitar esta situación”, pero lamenta que “a Xunta non tomase as medidas axeitadas nin contratase o persoal necesario para facer fronte a un problema que se vía vir”.
Desde UCIN Galicia denuncian que tras máis de dous meses de inacción, as administracións competentes limitaron a súa resposta a actuacións puntuais, sen un plan integral nin medios humanos suficientes para garantir que as cinzas e os restos forestais non cheguen aos cauces dos ríos.
“Non se pode improvisar ante unha emerxencia ambiental destas dimensións”, engadiu Calo. “A falta de previsión e de contratación de efectivos está poñendo en risco a saúde dos nosos ecosistemas fluviais e, en última instancia, a calidade da auga que consumen milleiros de galegos”.
UCIN Galicia insta á Xunta a reforzar de inmediato os equipos de limpeza, restauración e contención dos sedimentos, e a activar un plan de seguimento ambiental real e transparente para minimizar os danos e recuperar as zonas afectadas polos incendios.
“Non abonda con palabras nin fotos nos medios. Galicia necesita acción, medios e compromiso real co seu medio ambiente”, concluíu o coordinador de UCIN Galicia.
10