Nas últimas semanas, numerosos veciños e veciñas de Boiro puxéronse en contacto co coordinador de UCIN Boiro, Miguel Piqueras, para trasladarlle a súa preocupación polo estado do servizo municipal de abastecemento. Ás imaxes de filtros domésticos completamente saturados de barro e sedimentos súmanse as continuas baixadas de presión e cortes de auga rexistrados en distintos puntos do concello.
As fotografías recibidas, algunhas das cales se fan públicas, amosan unha acumulación moi significativa de sedimentos nos filtros instalados nas vivendas, o que, segundo UCIN, evidencia que a auga chega cunha elevada carga de partículas.
Ante esta situación, UCIN considera necesario que o Concello explique publicamente que sistema de filtración e decantación está a utilizar actualmente na estación de tratamento e se este está funcionando correctamente, xa que os veciños continúan atopando barro nos seus filtros e sufrindo interrupcións no abastecemento.
Esixencia de responsabilidades
Miguel Piqueras manifestou: «Os veciños de Boiro non poden seguir pagando por un servizo esencial e recibir auga con sedimentos, sufrir baixadas de presión ou quedar sen subministro. As imaxes dos filtros falan por si soas e o Concello ten a obriga de explicar que está a ocorrer.»
«Mentres se destinan importantes cantidades de diñeiro a outras actuacións, seguimos sen resolver un problema tan básico como garantir unha auga de calidade. Se non son capaces de solucionar esta situación, alguén terá que asumir responsabilidades políticas.»
UCIN solicita ao Concello a publicación dos informes técnicos sobre o funcionamento da planta de tratamento, así como un plan de actuación urxente para mellorar a filtración da auga, renovar as tubaxes máis deterioradas e ampliar a capacidade dos depósitos para garantir un abastecemento estable e de calidade para toda a veciñanza.