O coordinador de UCIN Galicia, José Luis Calo, advertiu este xoves que o actual conflito pola falta de efectivos na Unidade de Policía Adscrita (UPA) revela “unha loita política estéril” entre administracións que están a antepoñer o ego político ao interese dos galegos.
“A cidadanía non pode seguir pagando as consecuencias da falta de entendemento entre Xunta e Goberno central. Mentres discuten quen debe actuar, Galicia perde máis de 150 axentes que son imprescindibles para garantir a seguridade e o servizo público”, afirmou Calo.
O responsable de UCIN Galicia recoñeceu que é lexítimo que a Xunta sinala as carencias reais de persoal e que priorice funcións esenciais —como a protección de vítimas de violencia de xénero, menores, medio ambiente ou incendios—, pero insistiu en que a prioridade debe ser resolver o problema, non buscar culpables.
“É razoable concentrar os recursos onde máis se precisan, pero o que non é aceptable é converter unha cuestión de seguridade e servizo público nunha batalla política”, engadiu.
UCIN Galicia considera tamén preocupante que a retirada de axentes da seguridade do complexo de San Caetano poida xerar unha sensación de vulnerabilidade nas institucións, e alerta de que substituír policías por seguranza privada pode poñer en cuestión a lexitimidade da vixilancia pública.
Segundo Calo, esta situación evidencia unha responsabilidade compartida:
“O Estado achega axentes, a Xunta medios materiais. Se unha das dúas partes non cumpre, o resultado é o mesmo: perde Galicia. Non se trata de quen manda máis, senón de servir mellor á xente”.
UCIN Galicia propón que Xunta e Ministerio do Interior abran unha negociación inmediata e con prazos definidos, que garanta a reposición e reforzo da plantilla da UPA, e que a cooperación institucional prevaleza sobre o interese partidista.
“Se UCIN Galicia estivese na Xunta, apostaríamos polo diálogo leal e pola responsabilidade compartida, non polo intercambio de reproches. O que está en xogo é a seguridade e o benestar dos cidadáns”, concluíu Calo.