Desde UCIN Galicia, a través do seu coordinador autonómico José Luis Calo, queren denunciar publicamente a grave situación que está a vivir a comunidade autónoma galega a causa dos incendios forestais que levan arrasadas miles de hectáreas e poñen en risco vidas, vivendas e os nosos recursos naturais.
«O que ocorre cada verán en Galicia non é unha sorpresa: trátase dunha emerxencia previsible, reiterada ano tras ano, e mal xestionada por parte das autoridades responsables», destaca Calo, que ademáis explica que «a Xunta de Galicia ten a competencia directa na prevención, planificación e extinción dos incendios forestais, a través da Consellería do Medio Rural e da súa Dirección Xeral de Defensa do Monte. Porén, cada ano repítense os mesmos erros: falta de limpeza e ordenación do monte, medios insuficientes, precariedade do persoal de extinción e resposta lenta ou ineficaz. O PLADIGA, o plan anual de prevención, non se está a aplicar con eficacia nin coa dotación que require unha situación de alto risco como a que vivimos».
UCIN pide responsabilidades de xeito inminente
Desde UCIN Galicia, como formación política comprometida coa cidadanía galega, solicitamos publicamente responsabilidades políticas ao máis alto nivel:
- Ao presidente da Xunta de Galicia, por non garantir unha xestión preventiva eficaz.
- Á Consellería do Medio Rural, pola planificación deficiente e a falta de execución de medidas estruturais.
- Aos cargos operativos, por non dotar aos dispositivos de extinción dos medios e coordinación necesarios.
Esixencias urxentes
- Auditoría pública e independente sobre a utilización dos fondos destinados á prevención de lumes.
- Revisión inmediata do PLADIGA e aplicación efectiva en todas as zonas de risco.
- Estabilización e profesionalización do persoal de extinción, con condicións dignas e continuadas.
- Reforzo da vixilancia forestal e maior implicación das forzas e corpos de seguridade do Estado na persecución dos delitos incendiarios.
José Luis Calo, Coordinador de UCIN Galicia, conclúe afirmando que “a situación é insostible. Cada verán Galicia arde, e cada ano escoitamos as mesmas escusas. A cidadanía está farta da falta de responsabilidade institucional. Desde UCIN Galicia esiximos un cambio real, con transparencia, coordinación e, sobre todo, con vontade política. A Xunta ten a competencia, e tamén a responsabilidade.”