UCIN Galicia alerta de que a Costa da Morte ‘non pode vivir só do turismo estacional’

  • Dende a formación reclaman plans comarcais de emprego, formación para a mocidade e sectores produtivos sostibles.

A Unión de Cidadáns Independentes (UCIN) Galicia lanza unha voz de alarma sobre a situación económica da Costa da Morte, denunciando a dependencia excesiva do emprego estacional vinculado ao turismo e á hostalaría, sectores que, segundo sinalan, «non garanten estabilidade nin futuro para a poboación local».
UCIN reclama un cambio de rumbo nas políticas públicas, esixindo ás administracións unha aposta clara por plans comarcais de emprego estables que promovan a diversificación económica e a reactivación de sectores produtivos estratéxicos como a industria, o sector primario (pesca e agricultura) e as novas actividades vinculadas á tecnoloxía e a dixitalización.

Un modelo esgotado: máis paro e despoboamento

Segundo datos do Instituto Galego de Estatística (IGE), máis do 60% dos contratos laborais na Costa da Morte durante os meses de verán son temporais, con forte concentración en turismo e servizos. O resto do ano, o desemprego, especialmente entre a mocidade e os maiores de 45 anos, supera amplamente a media galega.
«A situación é insostible. Ano tras ano, repítese o mesmo patrón: emprego precario no verán e paro no inverno. E mentres tanto, seguimos perdendo poboación nova porque non hai futuro profesional nin vital», denuncia UCIN.

Declaracións de José Luis Calo (Coordinador UCIN Galicia)

«Non podemos seguir vendendo fume cun turismo que dura tres meses mentres abandonamos a industria, a pesca ou o agro. A Costa da Morte precisa futuro, e iso non se consegue con contratos de 15 días.»
«Esiximos da Xunta de Galicia, das Deputacións e do Goberno do Estado unha implicación real e inmediata. Que deixen de mirar para outro lado e aposten por plans de emprego comarcal, formación profesional adaptada, e investimentos reais en infraestruturas e tecnoloxía.»
«UCIN Galicia traballa desde abaixo, falando coa xente, cos pequenos empresarios, co sector pesqueiro e coa mocidade. A resposta é unánime: ou se diversifica o modelo económico ou a Costa da Morte quedará deserta e sen oportunidades.»

Propostas concretas de UCIN Galicia:

  • Creación dun Plan Comarcal de Emprego 2025-2030 con incentivos á industria local, modernización do sector primario e apoio a emprendedores.
  • Recolocación para parados de longa duración, especialmente en sectores emerxentes.
  • Formación profesional adaptada aos novos perfís dixitais, á construción, mantemento de infraestruturas e ás tecnoloxías verdes.
  • Infraestruturas dixitais para facilitar o asentamento de empresas tecnolóxicas e o teletraballo.
  • Control da precariedade laboral e fomento da contratación indefinida mediante bonificacións fiscais.

UCIN Galicia acusa ás administracións públicas competentes de «inacción» e «abandono histórico» da Costa da Morte.
“Mentres se fan plans e promesas desde Santiago ou desde Madrid, a realidade comarcal segue igual: desemprego, precariedade e emigración xuvenil. Non imos calar. Imos estar na rúa e nas institucións para defender o futuro desta terra”, conclúe José Luis Calo.

Related posts

Os docentes do IES de Baio Oscar Rey e Fina Paulos reciben un premio do Ministerio de Educación

UCIN Galicia respalda a los mariscadores y exige agilizar el saneamiento de la ría de Corcubión

Unha agrupación industrial do motor planea instalarse no polígono da Laracha, con 600 empregos